Entrega das distincións do certame “Vilas en Flor” para distinguir aos municipios de Galicia co mellor paisaxismo

O certame «Vilas en Flor» entregará as súas distinción hoxe venres, 2 de decembro, a partir das 11.30 horas, nunha gala no Auditorio Municipal de Caldas de Reis. Este ano participaron 39 concellos de toda Galicia aos que se espera que se somen moitos máis durante o ano 2023. Ese día desvelarase cantas “flores de honra” recibe cada un dos municipios, en función da súa traxectoria e as accións levadas a cabo para poñer en valor os seus espazos verdes, a xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna. 

O acto está precedido por unha xornada técnica, que se desenvolverá a partir das 10.30 horas cun relatorio que abordará aspectos sobre a mala praxe na xestión do arborado urbano en pobos e vilas de Galicia, impartida por Francisco Rodríguez Trinidad. Posteriormente, procederase á lectura da acta do xurado e á a entrega das Flores de Honra, á que asistirán o alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey; a conselleira de Medio Ambiente, María Ángeles Vázquez Mejuto; o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez, e o director do Movemento Vilas en Flor e director da Escola Galega da Paisaxe, Pedro Calaza. Tamén asistirán representantes das entidades organizadoras e patrocinadoras, como o presidente de AGAEXAR, Víctor Pérez Vilar, e o presidente de ASVINOR, Ignacio Etxebarria. Ao acto están convidados ademais todos os alcaldes ou alcaldesas e demais membros dos gobernos locais, técnicos e asesores dos municipios participantes, así como membros do equipo de expertos que realizou as visitas técnicas para estudar as diferentes variables que influíron na valoración da xestión ambiental dos concellos.

«Vilas en Flor» é unha iniciativa que comezou a súa andadura no ano 2018, co obxectivo de apoiar a mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos, impulsada pola Fundación Juana de Vega, en colaboración coa Asociación de Viveristas do Noroeste (ASVINOR) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (AGAEXAR). Este movemento segue o modelo existente noutras comunidades autónomas como Cataluña, Aragón, Canarias e Valencia, a semellanza do sistema implantado desde hai décadas noutros países como Reino Unido, Irlanda, Francia, Italia e Canadá. O proxecto conta co patrocinio de Rain Bird, Husqvarna e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

“Vilas en flor” é un programa encamiñado á posta en valor da riqueza natural e paisaxística, na liña dalgunha das multifuncionalidades da infraestrutura verde. Con este proxecto preténdese a mellora estética e funcional do territorio mediante o recoñecemento público daquelas actuacións medioambientais, enriquecidas con obras de axardinamento, ornamentación floral, mobiliario urbano e espazos lúdicos. Deste xeito, os concellos son recoñecidos pola súa contribución ao desenvolvemento local a través da paisaxe, xerando actividade do propio sector da planta ornamental e da xardinería, así como un aumento de visitas turísticas. De feito, existen rutas específicas para os concellos que participan neste tipo de programas, construíndo unha marca de calidade local.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *