O xurado distinguiu tamén a Caldas de Reis e Salvaterra con tres flores. Ademáis de Portomarín, Ponteceso, Tomiño, Mondoñedo, A Guarda, Culleredo, Cuntis, Carballiño e Betanzos con dous. Pola súa parte, Gondomar, Ortigueira e Baiona foron recoñecidos cunha flor de honra.
O certame «Vilas en Flor» entregou o pasado venres as súas distincións nunha gala na sala Eisenman da Cidade da Cultura. Este ano participaron 16 concellos de toda Galicia aos que se espera que se somen moitos máis durante o ano 2020 e como novidade, na gala desta edición non se coñecerá ao gañador ata o último momento.
O acto estivo precedido dunha xornada técnica con tres relatorios técnicos que abordaron aspectos contemporáneas vinculados á integración dos espazos verdes nas cidades, vilas e pobos. Entre as ponencias destacan a impartida por Pedro Calaza, doutor enxeñeiro agrónomo e doutor arquitecto de paisaxe, “A infraestrutura verde como ferramenta de deseño urbano”. Posteriormente tivo lugar o relatorio “Biodiversidade funcional urbana: Estratexias para a conservación da fauna auxiliar”, da man de Lorena Escuer, bióloga e directora técnica de Hidrobiology. Finalmente desenvolveuse a conferencia “Criterios de selección de especies e cultivares ornamentais producidos en Galicia”, de María Isabel Iglesias Díaz, doutora en CC Biolóxicas.
“Vilas en flor” segue o modelo existente noutras comunidades autónomas como Cataluña, Aragón, Canarias e Valencia, a semellanza do sistema implantado desde hai décadas noutros países como Reino Unido, Irlanda, Francia, Italia e Canadá. O proxecto conta co apoio da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e a colaboración de Rainbird, Abn Abastecementos, Husqbarna, Fliwer e Hunter.
Aos cinco concellos participantes da primeira edición –Allariz, Chantada, Caldas de Reis, Betanzos e Ortigueira– súmanse este ano outros once, Culleredo, Mondoñedo, Portomarín, Tomiño, Ponteceso, Salvaterra, A Guarda, Cuntis, Carballiño, Gondomar e Baiona. O xurado realizou visitas técnicas a cada un destes concellos, co fin de analizar os criterios que puntúan neste certame.
“Vilas en flor” é un programa encamiñado á posta en valor da riqueza natural e paisaxística, na liña dalgunha das multifuncionalidades da infraestrutura verde. Con este proxecto preténdese a mellora estética e funcional do territorio mediante o recoñecemento público daquelas actuacións medioambientais, enriquecidas con obras de axardinamento, ornamentación floral, mobiliario urbano e espazos lúdicos. As “Flores de Honra” son o distintivo que se concede anualmente aos municipios participantes, segundo o criterio dun xurado especializado formado por expertos de recoñecido prestixio no ámbito do paisaxismo. Hai cinco niveis: de unha a cinco Flores de Honra. O programa recoñece tanto a traxectoria como as accións levadas a cabo polos concellos galegos para mellorar e resaltar os espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna. Poden participar todos aqueles municipios da comunidade galega que teñan menos de cincuenta mil habitantes.