- A iniciativa está organizada pola Fundación Juana de Vega, a Asociacion de Viveiristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar)
- Aos 16 participantes do ano pasado súmanse nesta edición doce novos concellos neste intre (Cambados, Fene, Guitiriz, Lalín, Narón, Pontedeume, Sada, Salceda de Caselas, Sarria, San Sadurniño, Ames e Tui)
- Na anterior edición foron Allariz e Chantada as localidades que acadaron mellor puntuación, alzándose con catro flores de honra
Oleiros, 3 de agosto de 2020.- O programa «Vilas en Flor», unha iniciativa que procura a mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos de menos de 45.000 habitantes, chega este ano á súa terceira edición con doce novos concellos participantes confirmados aínda que a organización continúa o traballo de captación de novos candidatos. Na anterior edición participaron dezaseis concellos (Allariz, Caldas de Reis, Chantada, Salvaterra de Miño, Betanzos, Culleredo, Cuntis, Tomiño, A Guarda, Carballiño, Gondomar, Mondoñedo, Ortigueira, Ponteceso, Portomarín e Baiona) aos que se suman neste ano doce novos (Cambados, Fene, Guitiriz, Lalín, Narón, Pontedeume, Sada, Salceda de Caselas, Sarria, San Sadurniño, Ames e Tui).
O proxecto persegue a mellora ambiental, social e económica dos concellos, así como a dinamización do sector do paisaxismo e a ornamentación, seguindo o modelo existente noutras comunidades autónomas como Cataluña, Aragón, Canarias e Valencia, a semellanza do sistema implantado desde hai décadas noutros países como Reino Unido, Irlanda, Francia, Italia e Canadá.
“Vilas en flor” é un programa encamiñado á posta en valor da riqueza natural e paisaxística, na liña dalgunha das multifuncionalidades da infraestrutura verde. Con este proxecto preténdese a mellora estética e funcional do territorio mediante o recoñecemento público daquelas actuacións medioambientais, enriquecidas con obras de axardinamento, ornamentación floral, mobiliario urbano e espazos lúdicos. As “Flores de Honra”, que abranguen cinco niveis, son o distintivo que se concede anualmente aos municipios participantes, segundo criterio dun xurado especializado formado por expertos de recoñecido prestixio no ámbito do paisaxismo. O programa recoñece tanto a traxectoria como as accións levadas a cabo polos concellos galegos para mellorar e resaltar os espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna
Na pasada edición, o xurado distinguiu aos concellos de Chantada e Allariz con catro flores de honra, Caldas de Reis e Salvaterra con tres. A Portomarín, Ponteceso, Tomiño, Mondoñedo, A Guarda, Culleredo, Cuntis, Carballiño e Betanzos con dous; e Gondomar, Ortigueira e Baiona foron recoñecidos cunha flor de honra.
No último trimestre do ano un xurado realizará as visitas a todos os concellos participantes e decidirá que concellos son merecedores de algunha distinción así como de subir ou baixar o número de flores que alcanza cada concello ata un máximo de cinco.
Deste xeito, os concellos son recoñecidos pola súa adecuada implantación e xestión dos espazos verdes, contribuíndo de maneira directa ao desenvolvemento económico local, xerando máis actividade económica derivada do propio sector da planta ornamental e da xardinería así como dun previsible aumento de visitas turísticas. De feito existen rutas específicas para os concellos que participan neste tipo de programas. Por outra parte, os concellos polos que transcorre o Camiño de Santiago poderán ser considerados, recoñecidos e valorados desde un prisma internacional, construíndo unha marca de calidade local.