O certame “Vilas en Flor” entrega as súas distincións poñendo en valor os beneficios dos espazos verdes urbanos

vilas_en_flor_galicia_2018O certame “Vilas en Flor” entregou as súas distincións o día 6 de novembro, no auditorio municipal de Chantada, nunha gala na que se puxeron en valor os beneficios dos espazos verdes urbanos. Non só pola imaxe dos concellos e os beneficios que aportan á saúde dos veciños, senón tamén porque teñen unha rendibilidade económica, tal e como explicou Pedro Calaza, director de Vilas en Flor Galicia, durante a súa intervención, cando explicou que cada metro cadrado de parques e xardíns supón un impacto total de 10,85 euros ao ano. No acto estiveron tamén presentes Inés Santé, directora do Instituto de Estudos do Territorio, en representación da Consellería de Medio Ambiente; Pilar García Porto, deputada de Cultura da Deputación de Lugo, e Isabel Aguirre, directora da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, así como representantes dos concellos participantes: Manuel Lorenzo Varela, alcalde de Chantada; Cristina Cid Fernández, alcaldesa de Allariz; Juan Manuel Rey Rey alcalde de Caldas de Reis; Diego Fernández, tenente de alcalde de Betanzos, e Juan Penabad Muras, alcalde de Ortigueira. Tamén acudiron representantes dos colectivos do sector Asvinor e Agaexar e as empresas Husqvarna e Rain Bird.

Este ano, o xurado decidiu que o acto de entrega sería en Chantada, dada a súa posición máis central no ámbito xeográfico galego, co obxecto de facilitar o desprazamento de persoas e autoridades que acudan ao acto.

“Vilas en Flor”, unha nova iniciativa pola mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos impulsado pola Fundación Juana de Vega, en colaboración coa Asociación de Viveristas do Noroeste (ASVINOR) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (AGAEXAR), deu a Chantada e Allariz catro flores de honra –a máxima son cinco–, mentres que o de Caldas de Reis levou tres e o de Betanzos, dúas flores de honra. Pola súa banda, o Concello de Ortigueira acadou unha flor.

O xurado estivo composto por Isabel Aguirre, directora da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega; Serafín Ros Orta, enxeñeiro técnico agrícola e exdirector de Medio Ambiente do grupo de empresas Eulen, e Alfonso Ruano Prieto, enxeñeiro técnico agrícola e ex xefe de área da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

Vilas en flor”, que por primeiro ano desenvólvese en Galicia, segue o modelo existente noutras comunidades autónomas como Cataluña, Aragón, Canarias e Valencia, a semellanza do sistema implantado desde hai décadas noutros países como Reino Unido, Irlanda, Francia, Italia e Canadá. O proxecto conta co apoio das Consellerías de Medio Rural e Medio Ambiente, a participación dos colectivos do sector Asvinor e Agaexar e o patrocinio das empresas Husqvarna e Rain Bird.

Nesta edición, na que podían participar as vilas de menos de 50.000 habitantes en Galicia, competían Allariz, Caldas de Rei, Betanzos, Ortigueira e Chantada. O xurado realizou visitas técnicas a cada un destes concellos, co fin de analizar os criterios que puntúan neste certame.

Vilas en flor” é un programa encamiñado á posta en valor da riqueza natural e paisaxística, na liña dalgunha das multifuncionalidades da infraestrutura verde. Con este proxecto preténdese a mellora estética e funcional do territorio mediante o recoñecemento público daquelas actuacións medioambientais, enriquecidas con obras de axardinamento, ornamentación floral, mobiliario urbano e espazos lúdicos. As “Flores de Honra” son o distintivo que se concede anualmente aos municipios participantes, segundo o criterio dun xurado especializado formado por expertos de recoñecido prestixio no ámbito do paisaxismo. Hai cinco niveis: de unha a cinco Flores de Honra. O programa recoñece tanto a traxectoria como as accións levadas a cabo polos concellos galegos para mellorar e resaltar os espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna. Poden participar todos aqueles municipios da comunidade galega que teñan menos de cincuenta mil habitantes.

Trátase dun programa encamiñado á mellora integral do verde nos concellos para potenciar os múltiples beneficios que xera. Preténdese non só un aumento do número de espazos verdes, senón tamén unha mellora integral da súa calidade así como dos modelos de xestión que deben enfocarse cara a un aumento da biodiversidade e do uso racional dos recursos.

Deste xeito, os concellos son recoñecidos pola súa adecuada implantación e xestión dos espazos verdes, contribuíndo de xeito directo ao desenvolvemento económico local, xerando actividade do propio sector da planta ornamental e da xardinería, así como un aumento de visitas turísticas. De feito existen rutas específicas para os concellos que participan neste tipo de programas, construíndo unha marca de calidade local.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *