O Concello de Portomarín súmase á segunda edición de Vilas en Flor

O programa «Vilas en Flor», unha iniciativa que procura a mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos, chega este ano á súa segunda edición con tres novos participantes. Á recente incorporación de Mondoñedo, que xa confirmou a súa participación nesta segunda edición, súmanse agora o concello lucense de Portomarín. Desta forma, xunto cos participantes do ano pasado, xa son sete os competidores da segunda edición. A organización continúa a rolda de contactos cos concellos galegos de menos de 50.000 habitantes.

O alcalde de Portomarín, Juan Serrano, destaca que nestes anos lograron «rexenerar o 100% dos xardíns» da localidade, ademais de facelos «máis participativos, para que a xente os poida gozar». «Os xardíns tiñan 50 ou 60 anos, estaban pechados con setos que non invitaban a entrar –explica Serrano­– e o que queriamos era que Portomarín, que era coñecida coma Vila Xardín, poida recuperar ese nome». 

Entre as actuacións máis destacadas, o alcalde resalta a realizada pola escola taller de xardinería no entorno da igrexa de San Pedro e no parque Agustín do Río, que foi posible grazas aos case 400.000 euros do premio Galicia Parabéns, que lles concedeu Turismo de Galicia o pasado ano. Serrano insiste en que «en cada pequeno espazo, no balcón do Concello, en calquera lugar, tentamos facer un xardín con flores de temporada». Ademais, desterraron os plátanos: «Por cada plátano, plantamos 1,5 árbores de flor, que se agradecen moito na primavera».

O programa

Vilas en Flor persegue a mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos, así como a dinamización do sector do paisaxismo e a ornamentación, seguindo o modelo existente noutras comunidades autónomas como Cataluña, Aragón, Canarias e Valencia, a semellanza do sistema implantado desde hai décadas noutros países como Reino Unido, Irlanda, Francia, Italia e Canadá.

É un programa encamiñado á posta en valor da riqueza natural e paisaxística, na liña dalgunha das multifuncionalidades da infraestrutura verde. Con este proxecto preténdese a mellora estética e funcional do territorio mediante o recoñecemento público daquelas actuacións medioambientais, enriquecidas con obras de axardinamento, ornamentación floral, mobiliario urbano e espazos lúdicos. As “Flores de Honra” son o distintivo que se concede anualmente aos municipios participantes, segundo criterio dun xurado especializado formado por expertos de recoñecido prestixio no ámbito do paisaxismo. Hai cinco niveis: de unha a cinco Flores de Honra. O programa recoñece tanto a traxectoria como as accións levadas a cabo polos concellos galegos para mellorar e resaltar os espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna

Na primeira edición, Allariz e Chantada levaron catro flores de honra; Caldas de Reis, tres; Betanzos, dúas e Ortigueira, unha.  Deste xeito, os concellos son recoñecidos pola súa adecuada implantación e xestión dos espazos verdes, contribuíndo de maneira directa ao desenvolvemento económico local, xerando máis actividade económica derivada do propio sector da planta ornamental e da xardinería así como dun previsible aumento de visitas turísticas. De feito existen rutas específicas para os concellos que participan neste tipo de programas.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *