O Concello de Mondoñedo súmase á segunda edición de Vilas en Flor

O programa “Vilas en Flor”, unha iniciativa que procura a mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos, chega este ano á súa segunda edición cun novo participante. A organización xa comezou a rolda de contactos cos concellos galegos de menos de 50.000 habitantes e aos cinco participantes do ano pasado (Allariz, Chantada, Caldas de Reis, Betanzos e Ortigueira) súmase nesta ocasión tamén Mondoñedo.

Mondoñedo leva traballando “moito tempo” no tema de natureza e espazos verdes polo que “encaixa perfectamente” na filosofía do certame, segundo explican dende o concello lucense. Ademais de ter formación dende o instituto neste eido, como son os ciclos de Formación Profesional de forestais ou de xardinería, ten acometido diferentes traballos en zonas verdes do Camiño de Santiago, que atravesa todo o Concello. Ademais, ten un cemiterio histórico con zonas axardinadas e realiza diferentes actuacións baseadas en acondicionamento de xardíns por todo o concello, actividades de potenciación social e promoción de actividades florais como por exemplo os concursos de Decoración de Balcóns “Florea o teu balcón” e actividades de recuperación, coidados e potenciación en diversas área verdes e naturais do concello a través de obradoiros de emprego.

O programa

Vilas en Flor persegue a mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos, así como a dinamización do sector do paisaxismo e a ornamentación, seguindo o modelo existente noutras comunidades autónomas como Cataluña, Aragón, Canarias e Valencia, a semellanza do sistema implantado desde hai décadas noutros países como Reino Unido, Irlanda, Francia, Italia e Canadá.

É un programa encamiñado á posta en valor da riqueza natural e paisaxística, na liña dalgunha das multifuncionalidades da infraestrutura verde. Con este proxecto preténdese a mellora estética e funcional do territorio mediante o recoñecemento público daquelas actuacións medioambientais, enriquecidas con obras de axardinamento, ornamentación floral, mobiliario urbano e espazos lúdicos. As “Flores de Honra” son o distintivo que se concede anualmente aos municipios participantes, segundo criterio dun xurado especializado formado por expertos de recoñecido prestixio no ámbito do paisaxismo. Hai cinco niveis: de unha a cinco Flores de Honra. O programa recoñece tanto a traxectoria como as accións levadas a cabo polos concellos galegos para mellorar e resaltar os espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna

Na primeira edición, Allariz e Chantada levaron catro flores de honra; Caldas de Reis, tres; Betanzos, dúas e Ortigueira, unha.

Deste xeito, os concellos son recoñecidos pola súa adecuada implantación e xestión dos espazos verdes, contribuíndo de maneira directa ao desenvolvemento económico local, xerando máis actividade económica derivada do propio sector da planta ornamental e da xardinería así como dun previsible aumento de visitas turísticas. De feito existen rutas específicas para os concellos que participan neste tipo de programas.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *