O Concello de Tomiño súmase á segunda edición de «Vilas en Flor”

O programa Vilas en Flor,organizado pola Fundación Juana de Vega, a Asociacion de Viveristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar), suma xa 15 concellos. Aos cinco da primeira edición –Allariz, Chantada, Caldas de Reis, Betanzos e Ortigueira– súmanse este ano outros dez: Culleredo, Mondoñedo, Portomarín, Tomiño, Ponteceso, Salvaterra, A Guarda, Cuntis, Carballiño e Baiona.

No caso de Tomiño, o río Miño representa o elemento natural diferenciador deste territorio transfronteirizo, con gran relevancia non só desde un punto de vista ambiental senón tamén social, económico e cultural. Na súa foz atópase o esteiro do Miño (humidal compartido entre Galicia e o Norte de Portugal que representa un ecosistema importante para a avifauna), zona protexida como parte da Rede Natura 2000. En xeral, toda a zona das marxes do propio río constitúe unha área de grande interese medioambiental e paisaxístico, cunha das mellores representacións de vexetación autóctona, que ten o seu máximo expoñente nos bosques de ribeira, e cunha elevada diversidade faunística.

A chamada Senda do Miño une a praia de Goián, en Tomiño, coa de Eiras (O Rosal). Con este proxecto, o Concello de Tomiño deu continuidade á apertura do municipio ao río Miño, cuxo primeiro paso foi a “Recuperación ambiental do entorno da Fortaleza de San Lourenzo e da Praia de Goián”, onde un “pantalán” adaptado permite a navegación accesible para persoas con mobilidade reducida. O Concello proxecta recuperar tamén o treito da ribeira comprendido entre a Ponte da Amizade e Tui.

O futuro Parque da Amizade pretende unir cunha ponte peonil e ciclista o Espazo Fortaleza co Parque de Lazer do Castelinho, dando corpo na Eurocidade Cerveira-Tomiño a un espazo verdadeiramente europeo, sen fronteiras, para favorecer as relacións de lecer, deporte e coñecemento da memoria ambiental e cultural do río, nun ambiente de equilibrio entre as persoas e a natureza.

Tomiño ubícase no Baixo Miño, unha das zonas máis fértiles de Galicia. Os viveiros abundan neste territorio transfronteirizo onde son unha industria de longa traxectoria. En Goián celébrase anualmente pola primavera unha Mostra de Cultivos organizada por acuBam (Asociación de Cultivos Baixo Miño), que colabora co Concello en iniciativas de recuperación e promoción do patrimonio paisaxístico como Cultivando Paisaxes, unha proposta da Fundación Xavier Pousa coa que dar a coñecer mediante distintas intervencións nas estradas a produción de flor e planta ornamental.

Vilas en Flor é unha iniciativa que procura a mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos, chega este ano á súa segunda edición cun novo participante. A organización continúa a rolda de contactos cos concellos galegos de menos de 50.000 habitantes.

Unha das novidades, ademais dos concellos que participan por primeira vez, será a gala de entrega, que este ano terá lugar en Santiago, onde se coñecerá o gañador nunha cerimonia na que se vai manter a sorpresa ata o último momento.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *