O programa Vilas en Flor,organizado pola Fundación Juana de Vega, a Asociacion de Viveristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar), conta xa coa participación de 15 concellos. Aos cinco da primeira edición –Allariz, Chantada, Caldas de Reis, Betanzos e Ortigueira– súmanse este ano outros dez, ademais de Gondomar: Culleredo, Mondoñedo, Portomarín, Tomiño, Ponteceso, Salvaterra, A Guarda, Cuntis, Carballiño e Baiona.
No caso de Gondomar, situada no Val Miñor, no extremo sur occidental de Galicia, un territorio, exuberante na súa natureza, humanizado e acolledor, cunha ampla extensión (74,8 quilómetros cadrados) e unha grande variedade de paisaxes e hábitats: desde os rochosos escarpes da Serra do Monte Galiñeiro, pasando por fragas como a de Oliveira, brañas como a de Chan do Cereixo, ribeiras do Zamáns e Miñor ata as xunqueiras do esteiro do Miñor.
Ríos Miñor e Zamáns
Cabe destacar o eixo de espazos verdes cos que conta esta localidade seguindo o curso fluvial dos ríos Miñor e Zamáns. En cada rúa, en cada curruncho do centro urbano do concello, as plantas son sempre as protagonistas, destacando segundo a época do ano pero sobre todo na primavera e verán, as incribles flores dos hibiscus, begonias, alegrías, pensamentos, margaridas ou lantanas co verde da contorna intensa dos acivros.
Comezando o paseo na rehabilitada Praza da Paradela onde a pedra e a auga, que teñen un papel principal, interacionan coa vexetación existente como son os ginkos, liquidarmares tan espectaculares nas épocas de outono, así como cos magnolios grandiflora coas súas maxestosas flores brancas que enchen de cor a devandita praza.
Seguindo o percorrido polo parque da Coelleira, onde a gama de cores durante o ano sorprende aos visitantes, pasando das flores en acio das wisterias, ao cambio de ton dos carballos americanos ou liquidarmares. Neste lugar, as flores, follas e árbores conviven con toda aquela persoa que desfruta do paseo fluvial onde o bosque de ribeira crea ese ambiente especial que xunto co son do río xera unha áurea máxica.
A escasos metros do curso do río Zamáns atópase o impoñente Liquidámbar (Liquidamar styraciflua), rodeado por un colorido xardín, a carón da estatua homenaxe a Diego Sarmiento de Acuña (Conde de Gondomar), onde na época outonal, muda de cor a súa folla creando unha bela postal, dando comezo ao inverno cando as luces toman as súas ramas como aliciente do Nadal gondomareño.
Especies que adornan o municipio e estánse a convertir en un referente para todos os veciños e as veciñas, así como para os visitantes da nosa localidade na que se continúa traballando por dotar os espazos públicos de máis zoas verdes, así como de ornamento vexetal como é o caso das oliveiras que en diferentes rotondas de Gondomar lucen neste momento.
Vilas en Flor
Vilas en Flor é unha iniciativa que procura a mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos, chega este ano á súa segunda edición con novos participantes. A organización continúa a rolda de contactos cos concellos galegos de menos de 50.000 habitantes para as visitas do xurado.
Unha das novidades, ademais dos concellos que participan por primeira vez, será a gala de entrega, que este ano terá lugar en Santiago, onde se coñecerá o gañador nunha cerimonia na que se vai manter a sorpresa ata o último momento.