O programa “Vilas en Flor”, unha iniciativa que procura a mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos, chega este ano á súa segunda edición con tres novos participantes. Á recente incorporación de Mondoñedo, que xa confirmou a súa participación nesta segunda edición, súmanse agora o concello lucense de Portomarín. Desta forma, xunto cos participantes do ano pasado, xa son sete os competidores da segunda edición. A organización continúa a rolda de contactos cos concellos galegos de menos de 50.000 habitantes.
O alcalde de Portomarín, Juan Serrano, destaca que nestes anos lograron “rexenerar o 100% dos xardíns” da localidade, ademais de facelos “máis participativos, para que a xente os poida gozar”. “Os xardíns tiñan 50 ou 60 anos, estaban pechados con setos que non invitaban a entrar –explica Serrano– e o que queriamos era que Portomarín, que era coñecida coma Vila Xardín, poida recuperar ese nome”.
Entre as actuacións máis destacadas, o alcalde resalta a realizada pola escola taller de xardinería no entorno da igrexa de San Pedro e no parque Agustín do Río, que foi posible grazas aos case 400.000 euros do premio Galicia Parabéns, que lles concedeu Turismo de Galicia o pasado ano. Serrano insiste en que “en cada pequeno espazo, no balcón do Concello, en calquera lugar, tentamos facer un xardín con flores de temporada”. Ademais, desterraron os plátanos: “Por cada plátano, plantamos 1,5 árbores de flor, que se agradecen moito na primavera”.
O programa
Vilas en Flor persegue a mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos, así como a dinamización do sector do paisaxismo e a ornamentación, seguindo o modelo existente noutras comunidades autónomas como Cataluña, Aragón, Canarias e Valencia, a semellanza do sistema implantado desde hai décadas noutros países como Reino Unido, Irlanda, Francia, Italia e Canadá.
É un programa encamiñado á posta en valor da riqueza natural e paisaxística, na liña dalgunha das multifuncionalidades da infraestrutura verde. Con este proxecto preténdese a mellora estética e funcional do territorio mediante o recoñecemento público daquelas actuacións medioambientais, enriquecidas con obras de axardinamento, ornamentación floral, mobiliario urbano e espazos lúdicos. As “Flores de Honra” son o distintivo que se concede anualmente aos municipios participantes, segundo criterio dun xurado especializado formado por expertos de recoñecido prestixio no ámbito do paisaxismo. Hai cinco niveis: de unha a cinco Flores de Honra. O programa recoñece tanto a traxectoria como as accións levadas a cabo polos concellos galegos para mellorar e resaltar os espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna
Na primeira edición, Allariz e Chantada levaron catro flores de honra; Caldas de Reis, tres; Betanzos, dúas e Ortigueira, unha. Deste xeito, os concellos son recoñecidos pola súa adecuada implantación e xestión dos espazos verdes, contribuíndo de maneira directa ao desenvolvemento económico local, xerando máis actividade económica derivada do propio sector da planta ornamental e da xardinería así como dun previsible aumento de visitas turísticas. De feito existen rutas específicas para os concellos que participan neste tipo de programas.