O Concello de Mondoñedo súmase á segunda edición de Vilas en Flor

O programa «Vilas en Flor», unha iniciativa que procura a mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos, chega este ano á súa segunda edición cun novo participante. A organización xa comezou a rolda de contactos cos concellos galegos de menos de 50.000 habitantes e aos cinco participantes do ano pasado (Allariz, Chantada, Caldas de Reis, Betanzos e Ortigueira) súmase nesta ocasión tamén Mondoñedo.

Mondoñedo leva traballando «moito tempo» no tema de natureza e espazos verdes polo que «encaixa perfectamente» na filosofía do certame, segundo explican dende o concello lucense. Ademais de ter formación dende o instituto neste eido, como son os ciclos de Formación Profesional de forestais ou de xardinería, ten acometido diferentes traballos en zonas verdes do Camiño de Santiago, que atravesa todo o Concello. Ademais, ten un cemiterio histórico con zonas axardinadas e realiza diferentes actuacións baseadas en acondicionamento de xardíns por todo o concello, actividades de potenciación social e promoción de actividades florais como por exemplo os concursos de Decoración de Balcóns «Florea o teu balcón» e actividades de recuperación, coidados e potenciación en diversas área verdes e naturais do concello a través de obradoiros de emprego.

O programa

Vilas en Flor persegue a mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos, así como a dinamización do sector do paisaxismo e a ornamentación, seguindo o modelo existente noutras comunidades autónomas como Cataluña, Aragón, Canarias e Valencia, a semellanza do sistema implantado desde hai décadas noutros países como Reino Unido, Irlanda, Francia, Italia e Canadá.

É un programa encamiñado á posta en valor da riqueza natural e paisaxística, na liña dalgunha das multifuncionalidades da infraestrutura verde. Con este proxecto preténdese a mellora estética e funcional do territorio mediante o recoñecemento público daquelas actuacións medioambientais, enriquecidas con obras de axardinamento, ornamentación floral, mobiliario urbano e espazos lúdicos. As “Flores de Honra” son o distintivo que se concede anualmente aos municipios participantes, segundo criterio dun xurado especializado formado por expertos de recoñecido prestixio no ámbito do paisaxismo. Hai cinco niveis: de unha a cinco Flores de Honra. O programa recoñece tanto a traxectoria como as accións levadas a cabo polos concellos galegos para mellorar e resaltar os espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna

Na primeira edición, Allariz e Chantada levaron catro flores de honra; Caldas de Reis, tres; Betanzos, dúas e Ortigueira, unha.

Deste xeito, os concellos son recoñecidos pola súa adecuada implantación e xestión dos espazos verdes, contribuíndo de maneira directa ao desenvolvemento económico local, xerando máis actividade económica derivada do propio sector da planta ornamental e da xardinería así como dun previsible aumento de visitas turísticas. De feito existen rutas específicas para os concellos que participan neste tipo de programas.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *