O programa «Vilas en Flor», unha iniciativa que procura a mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos, así como a dinamización do sector do paisaxismo e a ornamentación, presentouse na Feira Arco Verde de Santiago, que remata mañá no recinto de Amio. Organizada pola Asociación de Viveristas do Noroeste (Avisnor), a cita cumpre unha década adicada a dar a coñecer todas as actividades do sector. Vilas en Flor, que este ano celebrará a súa segunda edición, está presente por vez primeira na feira para presentar o seu programa a todos os concellos de menos de 50.000 habitantes e para dalo a coñecer tamén entre o público, que poderá entrar mañá ao recinto, despois dos dous primeiros días, reservados aos profesionais.
Vilas en Flor segue o modelo existente noutras comunidades autónomas como Cataluña, Aragón, Canarias e Valencia, a semellanza do sistema implantado desde hai décadas noutros países como Reino Unido, Irlanda, Francia, Italia e Canadá. A iniciativa trata de potenciar a riqueza natural e paisaxística, co recoñecemento público de actuacións medioambientais enriquecidas con obras de axardinamento, ornamentación floral, mobiliario urbano e espazos lúdicos. Nesta liña, é importante salientar a importancia de establecer uns estándares de calidade, como pode ser para o sector a norma de calidade da Planta Ornamental de Galicia, que entregou hoxe os primeiros diplomas certificados co selo de Galicia Calidade a 9 viveiros de planta e socios de Asvinor.
Santiago Ramos, técnico de Asvinor e representante de Vilas en Flor en Arco Verde, salienta que, con esta norma, se van a «aplicar os estándares de calidade establecidos por produtores, comercializadores e a Administración e, a maoires, vai permitir algo moi importante, que é garantir ao comprador que a planta realmente é galega, o que facilita que poida sobrevivir nos climas continentais».
A presenza dun stand nesta feira permite que Vilas en Flor promocione a súa iniciativa pola mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos impulsada pola Fundación Juana de Vega, en colaboración coa Asociación de Viveristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar). As “Flores de Honra” son o distintivo que se concede anualmente aos municipios participantes, segundo o criterio dun xurado especializado formado por expertos de recoñecido prestixio no ámbito do paisaxismo. Hai cinco niveis: de unha a cinco Flores de Honra. O programa recoñece tanto a traxectoria como as accións levadas a cabo polos concellos galegos para mellorar e resaltar os espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna. Poden participar todos aqueles municipios da comunidade galega que teñan menos de cincuenta mil habitantes. Na primeira edición, Allariz e Chantada levaron catro flores de honra; Caldas de Reis, tres; Betanzos, dúas e Ortigueira, unha.
Trátase dun programa encamiñado á mellora integral do verde nos concellos para potenciar os múltiples beneficios que xera. Preténdese non só un aumento do número de espazos verdes, senón tamén unha mellora integral da súa calidade así como dos modelos de xestión que deben enfocarse cara a un aumento da biodiversidade e do uso racional dos recursos.
Deste xeito, os concellos son recoñecidos pola súa adecuada implantación e xestión dos espazos verdes, contribuíndo de xeito directo ao desenvolvemento económico local, xerando actividade do propio sector da planta ornamental e da xardinería, así como un aumento de visitas turísticas. De feito existen rutas específicas para os concellos que participan neste tipo de programas, construíndo unha marca de calidade local.