O programa «Vilas en Flor», unha iniciativa que procura a mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos, chega este ano á súa segunda edición con novos participantes. A organización xa comezou a rolda de contactos cos concellos galegos de menos de 50.000 habitantes e aos cinco participantes do ano pasado (Allariz, Chantada, Caldas de Reis, Betanzos e Ortigueira) súmanse nesta ocasión tamén Mondoñedo e Portomarín.
Outra das novidades será a gala de entrega que este ano terá lugar en Santiago, onde se coñecerá o concello gañador nunha cerimonia na que se vai manter a sorpresa ata o último momento.
O proxecto persegue a mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos, así como a dinamización do sector do paisaxismo e a ornamentación, seguindo o modelo existente noutras comunidades autónomas como Cataluña, Aragón, Canarias e Valencia, a semellanza do sistema implantado desde hai décadas noutros países como Reino Unido, Irlanda, Francia, Italia e Canadá.
“Vilas en flor” é un programa encamiñado á posta en valor da riqueza natural e paisaxística, na liña dalgunha das multifuncionalidades da infraestrutura verde. Con este proxecto preténdese a mellora estética e funcional do territorio mediante o recoñecemento público daquelas actuacións medioambientais, enriquecidas con obras de axardinamento, ornamentación floral, mobiliario urbano e espazos lúdicos. As “Flores de Honra” son o distintivo que se concede anualmente aos municipios participantes, segundo criterio dun xurado especializado formado por expertos de recoñecido prestixio no ámbito do paisaxismo. Hai cinco niveis: de unha a cinco Flores de Honra. O programa recoñece tanto a traxectoria como as accións levadas a cabo polos concellos galegos para mellorar e resaltar os espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna
Na primeira edición, Allariz e Chantada levaron catro flores de honra; Caldas de Reis, tres; Betanzos, dúas e Ortigueira, unha.
Deste xeito, os concellos son recoñecidos pola súa adecuada implantación e xestión dos espazos verdes, contribuíndo de maneira directa ao desenvolvemento económico local, xerando máis actividade económica derivada do propio sector da planta ornamental e da xardinería así como dun previsible aumento de visitas turísticas. De feito existen rutas específicas para os concellos que participan neste tipo de programas. Por outra parte, os concellos polos que transcorre o Camiño de Santiago poderán ser considerados, recoñecidos e valorados desde un prisma internacional, construíndo unha marca de calidade local.