Cuntis inscríbese nun amplo val preto da ría de Arousa. O seu territorio está flanqueado por dous conxuntos montañosos, o Xesteiras, con 718 m, e a aldea que percorre o límite oriental do concello, con 545 m no castro Sebil. O contraste de relevo, a riqueza dos solos aluviais e a suavidade do clima son o fundamento dunha mesta e temperá ocupación que se remonta ao Paleolítico.

Cuntis é coñecido polas súas augas termais xa dende a antigüidade. A cultura romana, que soubo apreciar as calidades das burgas e das augas minerais, deixou mostras da súa filosofía por estas terras, e así o testemuñan os numerosos achados arqueolóxicos daquel tempo, o que nos fai ver a Cuntis como un antigo centro termal romano.

Na actualidade, xunto coa Toxa e Mondariz, Cuntis pódese considerar un referente no termalismo de Galiza. Son numerosos os mananciais que manan do seu subsolo a diferentes temperaturas que van dos 18° ao 59°, e con variadas propiedades terapéuticas. Delas sérvese o balneario «Os Forniños» para aliviar as doenzas de tipo reumático, respiratorio e incluso cutáneo. No referente á súa composición química, están cualificadas como «augas minerais medicinais Sulfurado-Sódicas-Termais».

A Burga Lume de Deus brota na praza de Galiza a 59° e é empregada polos veciños polas súas propiedades medicinais, como tamén a burga Rúa Real, na Rúa do Balneario que ten unha temperatura de 53°. Para uso cutáneo recoméndase a Fontiña do Castro, localizada no Parque das Candelas.

En canto á flora e fauna, diversas especies caducifolias xorden nas beiras dos cauces fluviais, proporcionando dende antigo, algunhas delas, madeira para usos domésticos e industriais e fixando nitróxeno aos solos. Salgueiros (Salix vimialis, S. alba, S. atrocinerea, S. salvifolia), ameneiros (Alnus glutinosa), bidueiros (especialmente Betula alba), abeleiras (Corylus avellana), freixos (Fraxinus excelsior e F. angustifolia), valdebas (Clematis vitalba), saltasebes (Tamus communis), fentas reais (Osmunda regalis), pés de boi (Oenanthe crocata), hedras (Hedera helix), matas de lúpulo (Humulus lupulus) e, como non, as omnipresentes silvas (Rubus sp.) son excelentes testemuños desta diversidade.

Tamén perviven no concello boas mostras de carballeiras (Quercus robur) -como a do Dezaoito en Troáns, a de Ducío en Arcos ou as do Casal e Vilameán en Estacas-, que acadan o seu clímax cando se dá a presenza do rusco (Ruscus aculeatus) e do acibro (Ilex aquifolium).

Son estes os hábitats axeitados para atopar algún dos exemplares dun curioso endemismo do noroeste da Península: a píntega galega (Chioglossa lusitanica), distinta da pinta ou píntega común (Salamandra s.), da que contamos, así mesmo, cunha subespecie propia para o país galego (a Salamandra s. gallaica). Entre os batracios tamén abundan a ra vermella (Rana temporaria) e a ra patilonga (Rana iberica).

Entre a fauna anfibia e reptiliana, cómpre facer mención a tres especies de limpafontes (Triturus boscai, T. marmoratus e T. helveticus) e a ra de Santo Antón (Hyla arborea), das que se téñen albiscado varias nas lagoas de Zoo. Dentro dos réptiles serpean polas nosas paraxes as inofensivas cóbregas sapeiras (Natrix maura) e as de colar (Natrix n.), a víbora galega (Vipera seoanei) e o agresivo cobregón (Malpolon monspessulanus).

No tocante ás aves, aniñan gran número de paseriformes: os ferreiriños bacachís (Parus caeruleus), cristado (Parus cristatus) e común (Parus ater) ou as maceirudas (Parus major). No verán, e mesmo por maio, chega o ouriolo (Oriolus o.), comunmente denominado polos/as veciños/as de Cuntis como mingoloro, e como heraldos do bo tempo e do cambio de estación podemos escoitar os cucos (Cuculus canorus)

Vencellados á auga temos os martiños peixeiros ou picapeixes (Alcedo atthis), as garzas (Ardea cinerea), os merlos rieiros (Cinclus c.), os alavancos (Anas platyrhynchos), os biluricos (Tringa hypoleuca) e as lavandeiras branca (Motacilla alba) e real (Motacilla cinerea).

Nos cursos medio e alto do Umia aínda sobrevive unha das últimas poboacións mundiais do mexillón de río (Margaritifera m.), que comparte acubillo con algunhas londras (Lutra l.). Existen numerosos exemplares de porcos bravos (Sus scrofa), de teixugos (Meles m.), raposos (Vulpes v.) e algún que outro lobo (Canis lupus signatus), que se teñen percibido polos montes de Arcos, Cuntis e Cequeril, así como polas abas do monte Xesteiras. Nas zonas máis elevadas pódese observar algunha lebre (Lepus granatensis) e varias familias de aguia cobreira (Circaetus gallicus).

Non está de máis mencionar a presenza, aínda que escasa, de corzos (Capreolus c.) e morcegos (dos xéneros Myotis, Pipistrellus e Rhinolophus).

Cuntis


Galicia (Pontevedra)
Población: Cuntis
Flores: 2