O concello de San Sadurniño ten unha ampla relación co mundo da flor e das plantas. Entre as súas actuacións máis destacadas encóntranse os seus catro viveiros, dedicados a producir plantas, flores, herbas aromáticas e ata árbores froiteiras. Nesta liña, tamén sobresae a Feira da Plantación que o concello veu acollendo durante os últimos 25 anos, dedicada principalmente aos produtores de plantas e flores locais e da bisbarra.

No caso de San Sadurniño destaca a ubicación da Casa do Concello, no Pazo da Marquesa, que inclúe un xardín deseñado a comezos do século XX para o goce da nobreza e que agora é un espazo público de calidade. De forma paralela, nos últimos anos o concello fixo unha forte aposta pola reactivación do medio rural e pola conservación do seu patrimonio natural. Neste senso, grazas a un convenio de colaboración coa Asociación Galega da Froita Autóctona, conta cunha horta de conservación que acubilla case 200 variedades de froiteiras en risco de desapareceren propias das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.

Na ribeira do río Xubia, o concello conta cun Arboreto, onde se expoñen os 7 bosques autóctonos de Galicia, con paneis informativos sobre os grupos boscosos e algunhas das especies existentes. Todas estas instalacións encóntranse no contorno da ZEC Xubia-Castro, da Rede Natura 2000, e está inserida no catálogo da paisaxes do Golfo Ártabro, como Área de especial interese paisaxístico Pazo da Marquesa-Xubia.

Alén destes recursos, complementados por un amplo patrimonio histórico e natural, San Sadurniño tamén promociona o desenvolvemento sostible a través de diferentes programas como o de recuperación de espazos públicos coa flora como elemento fundamental ou a aposta polo Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, turístico e relacionado coa sustentabilidade que nestes momentos aspira a obter o distintivo Global Geopark da UNESCO, entre outros.

Todas estas actuacións xunto coa participación activa dos seus habitantes na mellora visual e ambiental do seu municipio, adornando as súas vivendas e xardíns con flores e plantas, converteron ao concello de San Sadurniño nun dos novos participantes desta terceira edición do programa Vilas en Flor.

San Sadurniño


Galicia (A Coruña)
Población: San Sadurniño
Flores: 0